2 de nov. de 2025

BOLSAS DE HORAS VOLUNTARIA E REMUNERADA


 🕒 BOLSAS DE HORAS VOLUNTARIA E REMUNERADA


Correos anunciou a súa intención de poñer en marcha unha bolsa de horas voluntaria e remunerada, que podería aplicarse xa durante a Campaña de Nadal de 2025.

Segundo a empresa, esta medida permitiría reforzar a cobertura de servizos en momentos de alta demanda, recorrendo ao persoal dispoñible que decida participar.

O proxecto prevé que:
  1. A participación sexa voluntaria.
  2. As horas traballadas de máis se compensen economicamente ou se recuperen noutros períodos.
  3. A súa aplicación quede supeditada á autorización da SEPI e do Ministerio de Facenda.
Porén, para a CIG-Correos, esta proposta non é unha solución laboral nin organizativa, senón un novo mecanismo de flexibilización da xornada que:
  • Altera os tempos de descanso e conciliación familiar,
  • Incrementa a presión e a carga de traballo sobre o persoal fixo, e
  • Substitúe a contratación necesaria por prolongacións de xornada.
A CIG considera que a implantación desta bolsa suporía un paso atrás nos dereitos laborais, ao permitir que se cubran necesidades estruturais de persoal mediante fórmulas temporais e individualizadas, sen planificación nin negociación colectiva.

➡️ A posición da CIG é clara: 

NON á bolsa de horas voluntaria, e 
SÍ a un plan de contratación estable e suficiente 
que garanta un servizo postal público de calidade 
e respectuoso cos dereitos do persoal.




31 de out. de 2025

PORTAL DE EMPREGO CUATRIMESTRAL

 

🧾 PORTAL DE EMPREGO CUATRIMESTRAL

Paralelamente, Correos anunciou que porá en marcha un portal de emprego de carácter cuatrimestral, que servirá como ferramenta temporal para cubrir vacantes mentres se desenvolve o plan e se prepara a convocatoria pública de emprego.

Cada catro meses, o portal permitirá inscribirse, actualizar méritos e indicar preferencias de destino.

Os chamamentos realizaranse por esta orde:
  1. Persoal das Bolsas de Emprego actuais.
  2. Persoal que traballou anteriormente en Correos (idóneos).
🔹 Requisitos xerais:
  1. Ter 18 anos ou máis.
  2. Graduado escolar ou equivalente.
  3. Nacionalidade española ou permiso de traballo en vigor.
Correos confirmou que este portal non substituirá as bolsas de emprego vixentes, senón que funcionará como solución transitoria ata a creación das novas bolsas derivadas da futura convocatoria pública.



30 de out. de 2025

PLAN DE SAIDAS VOLUNTARIAS EN CORREOS



✔ PLAN DE SAIDAS VOLUNTARIAS EN CORREOS: Información actualizada sobre o proceso e a inscrición

Correos puxo en marcha a primeira fase do seu Plan de Saídas Voluntariasdirixido ao persoal laboral fixo en activo que nacese antes do 31 de decembro de 1967 (ter 61 anos ou máis ao 31 de decembro de 2028).

A empresa presenta esta iniciativa como parte dun proceso de planificación de recursos humanos a medio prazo, co obxectivo de avaliar o impacto das posibles saídas de persoal nos próximos anos.

📋 Obxectivo desta fase

O proceso iniciado por Correos ten carácter informativo e exploratorio, e non implica ningunha saída inmediata do persoal.

Nesta primeira fase, a empresa busca recoller datos de cotización e situación laboral das persoas potencialmente afectadas, co fin de estudar posibles fórmulas de saída voluntaria no futuro.

🗓 Prazos e acceso á plataforma

O prazo establecido para participar nesta fase vai do 3 de novembro ao 22 de decembro de 2025.

Durante este período, o persoal convocado deberá acceder á aplicación Beneficios360, dispoñible a través da intranet corporativa de Correos.

Para acceder:
1️⃣ Entrar na Intranet de Correos coas credenciais habituais.
2️⃣ Localizar o acceso á aplicación “Beneficios360”.
3️⃣ Aceptar a cláusula de consentimento para o tratamento dos datos.
4️⃣ Seguir as instrucións indicadas na pantalla para subir a documentación requirida.

📎 Documentación necesaria

A empresa solicita a presentación de dous documentos oficiais emitidos pola Seguridade Social:
  • O Informe de vida laboral, que recolle os períodos cotizados e a antigüidade.
  • O Informe de bases de cotización, que detalla as bases mensuais sobre as que se cotizou nos últimos anos.
Ambos poden descargarse dende o portal da Seguridade Social (www.seg-social.es) ou coa aplicación Import@ss, utilizando certificado dixital, Cl@ve PIN ou DNI electrónico.

Unha vez obtidos, deberán subirse en formato PDF a través da plataforma Beneficios360.

Correos indica que a información recollida servirá exclusivamente para elaborar un estudo de viabilidade, e que a súa presentación non supón aceptar ningunha medida nin compromiso de saída.

⚠️ Aspectos que ainda non se definiron

A día de hoxe, Correos NON publicou:
  • As condicións económicas ou posibles compensacións.
  • As idades efectivas de acceso á saída.
  • O número de persoas potencialmente afectadas.
  • Nin o impacto na reposición de prazas ou nos servizos afectados.

Guía suba de documentos ao Portal de Saidas Voluntarias


29 de out. de 2025

Formación: "Claves de la Experiencia Cliente"


Curso dirixido a todo o persoal de Correos, que manteñan unha relación laboral, ou de servizo, activa, coa empresa desempeñando a súa actividade ao inicio  e durante a formación e que non realizara e superara con anterioridade esta formación, nin coa empresa nin mediante organismos homologados para impartir formación da compañía.

Prazo de inscrición: até o 4 DE NOVEMBRO 

Inscrición: dende o campus virtual FORMACIÓN CORREOS

O curso realizarase  on-line  dende un ordenador alleo a Correos e fóra da xornada laboral. O curso desenvolveranse durante os meses de novembro e decembro os alumnos poderán elixir, as datas que máis lles conveñan de entre as dispoñibles.

Tras o proceso de inscrición, comunicarase por  e-mail  e SMS  o comezo da formación. Recoméndase revisar a dirección de correo persoal do apartado "mi perfil" e aceptar a modalidade de citación por  SMS.

Expediente Formativo 

O curso incluirase no expediente formativo de todos aqueles que completen a acción formativa. Ademais terás a posibilidade de descargar o diploma dende a plataforma de formación.

No caso de que xurda algunha incidencia técnica durante a inscrición e/ou durante a realización do curso, os alumnos deberán dirixirse ao centro de atención ao estudante:



21 de out. de 2025

NON HAI SERVIZO PÚBLICO SEN PERSOAL! A falta de contratación en Correos afoga ao persoal e destrúe o servizo postal en Galicia

 


O desmantelamento de Correos continúa coa complicidade de CCOO, UGT e CSIF, que asinaron o Plan Estratéxico (xullo 2024) e o Acordo Marco (31/12/2024). Estes pactos consolidan recortes, amortizacións e precariedade, afogando ao persoal e degradando o servizo.

 SOBRECARGA E PRECARIEDADE

A falta de contratación obriga en moitas unidades galegas a que cada traballador asuma o traballo de dúas ou tres persoas.

En reparto, as zonas quedan descubertas e acumúlase correo sen entregar.
En oficinas, os cadros minguan mentres medran a presión, o estrés e as colas da cidadanía.

O persoal eventual continúa sen estabilidade nin perspectivas, mentres a empresa fala de “eficiencia”.

SERVIZO PÚBLICO EN COLAPSO

Os atrasos, perdas e incumprimentos de prazos xa son habituais. Correos prioriza as liñas comerciais privadas, abandonando a súa función social e poñendo en risco o dereito da cidadanía a un servizo postal público e universal.

 RESPONSABLES CLAROS

CCOO, UGT e CSIF avalan con sinatura un modelo que conduce á privatización encuberta e á destrución de emprego público.

Mentres tanto, en Galicia fáltan mans e desaparece o servizo público.

   A CIG NON CALA

A CIG Sector Correos esixe contratación inmediata e estable, reposición dos postos amortizados e reforzo de reparto e oficinas.

Correos non pode seguir funcionando a base de recortes e precariedade!!

Sen contratación, non hai servizo. Sen servizo, non hai futuro para Correos!!


10 de out. de 2025

A CIG denuncia a situación “insostíbel” en Correos da Cañiza, con só dous efectivos de cinco

A CIG-Correos vén de denunciar a situación “insostíbel” na que se atopa a oficina de reparto da Cañiza, xa que das cinco prazas existentes só dúas están nestes momentos en activo, “tendo que asumir dúas persoas o traballo de cinco”.

Dende a central sindical lamentan que a dirección da empresa pública se negue a cubrir os postos alegando falta de fondos, “cando si os hai, por exemplo, para patrocinar de eventos deportivos”. Ademáis, lembran que o Estado acaba de aprobar unha importante inxección económica para a compañía. 


A situación está a provocar 
un “grao de presión extremo” 
sobre o persoal

Esta situación de falta de persoal está a provocar un “grao de presión extremo” que se traduce en incapacidades laborais por estrés e ansiedade, “como ocorre na oficina da Cañiza, na que dúas persoas teñen que prestar servizo en 108 quilómetros cadrados, distribuídos en nove parroquias, cun total de máis de 300 quilómetros de percorrido”.

Isto provoca unha acumulación das notificacións administrativas, “coas consecuencias negativas que iso xera para a cidadanía”, así como un importante número de envíos sen repartir.


7 de out. de 2025

O persoal de Correos do Porriño mobilízase ante a saturación do servizo por falta de efectivos



O persoal da Unidade de Reparto de Correos no Porriño mobilizouse este mediodía diante do Concello para denunciar a sobrecarga de traballo que padece tras a reestruturación da oficina coa eliminación de tres prazas, o que está a provocar acumulación de milleiros de envíos e de notificacións sen entregar.

Dende a CIG-Correos denuncian que a situación empeorou durante o pasado verán, xa que a dirección da empresa pública non cubriu nin as vacacións nin baixas de varias persoas traballadoras, tendo que asumir o resto do persoal as súas funcións, polo que se están a disparar os problemas de saúde laboral derivados de situacións de estrés e mesmo de ansiedade.

A intención da central sindical é que as mobilizacións se desenvolvan ao igual que hoxe coincidindo coa pausa do bocadillo (de 13:40 a 14:00 horas) unha vez á semana até que a compañía atenda as súas demandas e dote a Unidade de Reparto do Porriño do persoal necesario. A vindeira protesta está fixada para o venres 17 de outubro.


3 de out. de 2025

CIG-Correos denuncia que na Unidade de Reparto de Muros dúas persoas teñen que asumir o traballo de seis



A CIG-Correos advirte da situación crítica na Unidade de Reparto de Muros, xa que na quenda de mañá de reparto dúas persoas están asumindo o traballo de seis. A representación da CIG xa se dirixiu por escrito á empresa postal reclamando a cobertura urxente das prazas vacantes e das ausencias nesta unidade, sen recibir contestación até o momento.

“Dúas persoas non poden asumir o traballo de seis nin polo volume de envíos, nin pola loxística que implica que persoal de reparto do rural teña que asumir recargos de persoal urbano”, denuncia a CIG-Correos. Esta situación, ademais de pór en risco a calidade do servizo postal, obriga o persoal asumir unha sobrecarga laboral insoportábel que ten consecuencias directas na súa saúde física e mental.

A precariedade da Unidade de Reparto de Muros non é un caso illado, senón que é un exemplo máis que ilustra un problema xenérico na empresa: a sobrecarga laboral e a acumulación continuada de obxectos postais nas oficinas a causa duns cadros de persoal mermados e da política de non substitucións que dende hai anos practica Correos.

Un modelo de cero contratacións que implica que non se cubran as incapacidades temporais, as vacantes, as vacacións, nin os permisos e que está levando a un incremento das baixas por estrés e por trastornos musculoesqueléticos.

“As carteiras e os carteiros, e o persoal de atención á clientela, somos a cara visíbel de Correos ante a cidadanía; quen respondemos cando alguén pregunta por que non lle chegou a cita médica e quen atende as queixas diarias nos mostradores”, subliña Ana Pintos, delegada da CIG-Correos.

Incide na falta de persoal suficiente para atender o volume de traballo e ofrecer un servizo público de calidade e con garantías; e acusa a empresa de mala xestión dos recursos humanos, “de mala fe e de abusar duns traballadores e traballadoras cun alto sentido da responsabilidade”.
Fronte a esta precariedade, a CIG-Correos solicita que se adopten con urxencia as medidas necesarias “para restablecer condicións laborais e organizativas dignas que garantan tanto o dereito á saúde do persoal como a calidade do servizo de Correos na comarca”

2 de out. de 2025

7ª RESOLUCIÓN DO CONCURSO PERMANENTE DE TRASLADOS (OUTUBRO 2025): 73 PRAZAS NA GALIZA



OS LISTADOS COMPLETOS DA 7ª ADXUDICACIÓN DISPOÑIBLES NAS SECCIÓNS SINDICAIS DA CIG NA TUA COMARCA

Enlace á consulta ---> prema AQUI

PRAZOS DE CESE 
  • Para todos os postos o CESE será o día 31 de OUTUBRO de 2025. 
PRAZOS DE INCORPORACIÓN

A incorporación será a partir do día 01 DE NOVEMBRO DE 2025. 
  • O día seguinte se o traslado é na mesma localidade.
  • 2 días na mesma provincia ou illa (Si se adianta ó día seguinte 60 €)
  • 6 días entre localidades da península que non pertenzan a mesma provincia (si se adianta ó 2º día 180 €)
  • 10 Días entre illas Ceuta e Melilla e península (Se a toma e ó 3º día 300 €)
Solicitude incorporación anticipada ---> prema AQUI

COMO RENUNCIAR:

Ca nova normativa podes presentar a renuncia nos 7 días posteriores á resolución, ata o 9 de outubro. Debes escribir un correo electrónico xustificando o motivo a esta dirección: provision.rrhh@correos.com 

POSTOS ADXUDICADOS NA GALIZA:

A CORUÑA: 39
  • Reparto moto: 9
  • Reparto moto (parcial): 9
  • Axente Clasificación: 6
  • Axente clasificación (parcial): 10
  • Atención cliente: 4
  • Atención cliente (parcial): 1
LUGO: 13
  • Reparto moto: 9
  • Reparto moto (parcial): 4
OURENSE: 5
  • Reparto moto: 4
  • Atención cliente (parcial): 1
PONTEVEDRA: 16
  • Reparto moto: 8
  • Reparto moto (parcial): 8
ADXUDICACIÓN PRAZAS A CORUÑA


ADXUDICACIÓN PRAZAS LUGO


ADXUDICACIÓN PRAZAS OURENSE


ADXUDICACIÓN PRAZAS PONTEVDRA


18 de set. de 2025

A CIG-Correos denuncia irregularidades na contratación de vehículos de renting en Correos.



O sindicato CIG-Correos denuncia unha práctica que consideramos irregular e que afecta directamente os dereitos das traballadoras e traballadores desta empresa.

Constatamos que a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos está a utilizar vehículos en réxime de renting para o desempeño da actividade laboral, e comprobado que os contratos de arrendamento dos devanditos vehículos non se están formalizando a nome da empresa, senón que se atribúen a carteiros/as e/ou responsables de unidade no momento da entrega dos mesmos.

Entendemos que esta actuación:

1. Desnaturaliza a relación contractual entre a empresa de renting e a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos, desprazando de maneira indebida a titularidade cara a empregados que nada teñen que ver coa devandita contratación.

2. Xera inseguridade xurídica e responsabilidades alleas aos traballadores, quen non deben figurar como titulares de obrigacións contractuais que corresponden exclusivamente á empresa.

3. Pode supoñer un incumprimento da normativa laboral e civil, ao cargar sobre os traballadores compromisos económicos e legais que non forman parte da súa relación laboral.

En consecuencia, desde este sindicato esiximos que os contratos de renting de vehículos realícense e figuren unicamente a nome da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos, S.A., S.M.E., como corresponde legalmente á entidade empregadora e responsable da actividade.

Así mesmo, SOLICITAMOS que se adopten as medidas necesarias para:
  • Regularizar os contratos actualmente formalizados indebidamente a nome de traballadores/as.
  • Informar por escrito a esta representación sindical sobre o alcance desta práctica e as medidas correctoras adoptadas.

NO CASO DE NON CORRIXIR ESTA IRREGULARIDADE, 
EMPRENDEREMOS AS ACCIÓNS LEGAIS OPORTUNAS.